Porto não é Barcelona

Porto non é Barcelona

O escaso peso político do Norte fronte a Lisboa agrava a súa crise particular

D.R. 08/04/2011 - 00:37 h.

Durante as dúas últimas décadas do século pasado o crecemento económico de Galicia non resistía comparacións co do Norte de Portugal. Avanzabamos ben, si, pero os veciños do sur ían aínda máis rápido. Porén, nesta primeira década do século XXI parece estar sucedendo o contrario. Aínda que ambas afirmacións teñan matices.


A modernización da industria do Grande Porto converteu á cidade nun polo económico que tirou do resto da rexión. Porén, aí radica o principal matiz. O Grande Porto crecía e con el as estatísticas de toda a rexión, pero non pasaba o mesmo nas zonas rurais. “Portugal aplicou a teoría da mancha de aceite, a de que se Porto ía ben iso se estendería por toda a rexión”, di o director do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, “pero iso non é certo”. O mesmo considera Xulio Ríos, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), para quen “houbo un reparto desigual dos investimentos, centrados no Grande Porto, e o metro pode ser o mellor exemplo”.

Pero o reparto dos investimentos non só sería desigual dentro do propio Norte, senón tamén entre este e o resto do país, nomeadamente coa rexión de Lisboa. “A súa mentalidade xacobina, centralista, fai que non se plantexen a dicotomía Lisboa-Porto como a de Madrid-Barcelona, cada unha coas súas potencialidades, senón que en Lisboa vese a Porto como un inimigo interno”, di Vázquez Mao. E iso só foi contrarrestado nas poucas veces que o Norte tivo peso político. Así, Vázquez Mao cita a “Francisco Sá Carneiro, o único primeiro ministro do Norte” mentres Ríos menciona a Fernando Gomes, ex alcalde do Porto “con máis peso que o actual Rui Rio”.

Á marxe dun ou doutro nome, o que queda claro é que os políticos do Norte con peso en todo o país non parecen ser moitos. “E o peso político é un factor determinante á hora de conseguir investimentos”, di Ríos, quen exemplifica dicindo que “se Cataluña ten maior capacidade de proxección política, iso logo percíbese nos investimentos”.

|Xornal de Galicia|

Comentários